METODOLOXÍA TPRS PARA DUMMIES
POST DO TEMA 1
A primeira vez que vin escrito na presentación da profesora as siglas TPRS a miña reacción foi un pouco esta:
Porén, cando falamos un pouco máis non me pareceu tan estraño e decidín profundar neste tema e facer unha entrada explicándoo para «dummies», ou o que vén sendo o mesmo, para torpes.
Pois ben, o Teaching Proficiency through Reading and Storytelling nas súas siglas TPRS, que se o traducimos ao galego para maior comprensión sería Ensino de proficiencia a través da lectura e a narración de contos,non é máis ca un método de ensino de idiomas creado por Blaine Ray, un profesor de lingua española nos Estados Unidos aló pola década dos 90.
Este método xorde cando o profesor Blaine Ray está a piques de perder o seu posto de traballo por mor da falta de motivación e asistencia dos seu alumnado nas súas clases de lingua española. Co obxectivo de darlle un xiro de 180 º a esa situación e conseguir que o seu alumnado estivese motivado e interesado pola súa materia, Ray comezou a investigar e a probar varios métodos diferentes até chegar ao TPRS (se xa estades cansos de ler «tepeerreese» á española tamén podedes empregar as siglas EPLN e dicir «epeelenene», xa que coido que vos ha ser máis sinxelo aos non controlades moito de inglés, entre os que me inclúo).
O primeiro método de comezou a empregar foi o método de Resposta Física Total (se queredes buscar máis información na rede recordade volver pensar en inglés: Total Physical Response e as súas siglas TPR). Este método parece ser bastante efectivo para a aprendizaxe das linguas estranxeiras xa que consiste en aprender esa nova lingua do mesmo xeito que se aprendeu a lingua materna. Chámaselle deste xeito xa que ao longo do proceso de aprendizaxe o alumnado pode responder realizando un movemento (resposta física) para demostrar que comprendeu a mensaxe. De seguro que algunha vez escoitastes ou fixestes a dinámica de «Simón dice» na que o ou a docente intenta poñer a proba ao seu alumnado facendo unha acción diferente á que di ou viceversa ou incluso o xogo «Head, shoulders, knees and toes» no que o alumnado memoriza esta canción que resulta moi pegadiza facendo unha sorte de coreografía na que vai sinalando as partes do corpo que se repiten na letra da canción e deste xeito aprende ese vocabulario.
Este método non foi o único que adoptou, senón que Ray continuou investigando e empregando e perfeccionando outros métodos pedagóxicos até chegar á metodoloxía TPRS que coñecemos a día de hoxe.
Que é entón esta metodoloxía e en que consiste?
«Máis que metodoloxía gústame máis empregar a palabra “estratexia“. Porque se adapta á personalidade de cada profesor: non fai falta ser pallaso, pero tamén che vai ben se o es. Ademaisadáptase á personalidade dos teus alumnos. É un win-win».
Nesta estratexia o docente comeza esbozando unha historia sobre un tema que pense que vai atraer e motivar ao grupo. Pouco a pouco, e tendo sempre e conta a comprensión do grupo, este irá formulando preguntas, facendo comentarios e aportando ideas e deste xeito iranse creando as situacións, personaxes e acontecementos que conforman a historia.
Este proceso de creación debería ser un proceso moi enriquecedor para o alumado xa que se irán establecendo vínculos mediante as interaccións que terán lugar e se creará un bo ambiente na aula que sen dúbida será un factor clave para unha correcta aprendizaxe.
Na práctica, o TPRS desenvólvese en 3 pasos:
· Paso 1: Estruturas. Neste primeiro paso o ou a docente mostra ao alumnado novas estruturas con vocabulario para ter un primeiro contacto. Unha boa estratexia sería proxectalas ou escribilas no encerado de xeito que o alumnado teña acceso a elas e incluso traducilas á lingua materna para unha mellor comprensión e ter todo claro antes de comezar coa historia.
· Paso 2: Presentación da historia. O ou a docente presentará o comezo da historia formulando frases curtas e claras para que o alumnado se localice na historia e poida comezar a participar. Velaquí un exemplo que podería empregarse:
Buscando un gato
Hai un can
O can quería un gato.
Foi a __________ para buscalo, pero non o atopou.
En ___________ non había ningún gato.
Entón decidiu ir a __________.
En ___________ había moitos gatos.
O can díxolle a un dos gatos: «_______________».
O gato respondeu «____________».
O can dixo, «Queres que vaiamos ao río?»
O gato respondeu que si que quería.
O can estaba moi contento, e o gato tamén.
· Paso 3: Lectura final. Chegado este punto o ou a docente pode elixir entre volver a ler a historia coa axuda do alumnado e ila traducindo á lingua materna ou refacer a historia coa mesma estrutura pero cambiando o contido para reforzar os coñecementos que se aprenderon nesa sesión.
En conclusión, coido que o TPRS é unha estratexia moi enriquecedora para a aprendizaxe dunha lingua estranxeira xa que fai partícipe ao alumnado dende o minuto 0 da sesión, e isto é algo que me parece moi importante, especialmente cando hai esa falta de motivación da que falamos anteriormente e provoca malos resultados ou mesmo o abandono da aprendizaxe.
Déixovos que comentedes e me contedes! Ides empregar esta metodoloxía?
Referencias:
Cea, B. (2021, 29 septiembre). Enseñar español: ¿qué es TPRS? Didáctica de ELE. https://didacticadeele.com/blog/didactica-y-metodologia/ensenar-espanol-que-es-tprs/
Colinet, H. (2017, 19 marzo). ¿Qué es TPRS (Storytelling en las clases de idiomas)? Hélène Colinet - Recursos para profesores de idiomas. https://helenecolinet.com/tprs-teaching-proficiency-reading-and-storytelling/
Marouka, M. (2011). La enseñanza de español por medio del TPR-Storytelling para hablantes de japonés. Cuadernos CANELA. Revista anual de Literatura, Pensamiento e Historia, Metodología de la Enseñanza del Español como Lengua Extranjera y Lingüística de la Confederación Académica Nipona, Española y Latinoamericana, 23, 75-83. http://www.canela.org.es/cuadernoscanela/canelapdf/Vol.%20XXIII/06-%20Maruoka.pdf
Unir Revista (2020, 28 septiembre). Total Physical Response: en qué consiste este método y cómo aplicarlo a la enseñanza del inglés. UNIR. https://www.unir.net/educacion/revista/total-physical-response/
Comentarios
Publicar un comentario