A SÍNDROME DO IMPOSTOR. OS PROFESORES TAMÉN A PADECEN?

Moi boas! Durante unha das primeiras sesións da asignatura de Contexto tocamos moi por riba o tema da síndrome do impostor e quedei coas ganas de saber máis, así que aquí vos deixo un pouco máis de información sobre isto e a súa relación co perfil dos e das docentes. Espero que vos resulte tan interesante coma a min.



A síndrome do impostor non está recoñecida oficialmente como unha afección da saúde mental, senón que se trata dunha crenza, dunha limitación propia que se fai visible a través de síntomas como a ansiedade, a depresión, a frustración, a falta de motivación e de autoestima, pensar que non se é intelixente… Todos estes factores producen unha gran sensación de incapacidade persoal que sofre moita máis xente da que pensamos e a maior parte dela non é consciente. Hai estudos que sinalan que 7 de cada 10 persoas padecen esta síndrome polo menos unha vez durante a súa carreira profesional.

 

As causas que poden producir esta síndrome son a educación recibida, o sistema educativo e empresarial, problemas ou experiencias pasadas, a alta esixencia académica por parte da nosa familia durante a adolescencia e, en primeiro lugar, a autoestima. Aínda que nos poida parecer estraño, a autoestima ten un 30 % de xenética; isto é, cando nacemos vimos «programados» e «programadas» para ver o vaso medio cheo ou medio baleiro. A boa nova é que o 70 % é ambiental (condicionado pola familia, o colexio, as experiencias propias...), polo que podemos traballar sobre ela.

 

 

Os pensamentos máis habituais cando se padece esta síndrome son:

-       «non son bo/a no que fago»

-       «o resto de xente sabe máis ca min»

-  «cheguei aquí por sorte, porque estaba no lugar adecuado no momento adecuado»

-       «vanme descubrir»

-       «enganeinos»

-       «non me sentan ben os cumprimentos que me fan»

-       «non merezo os recoñecementos que recibo, o resto de xente si»

-       «doulle máis importancia aos erros que aos acertos»

-       «son moi esixente e perfeccionista comigo mesmo/a»

-       «evito visibilidade pública por medo a fallar e que me descubran»

-       «non acepto cargos nin retos novos porque creo que non estou á altura»

-       «síntome sobrevalorado»

 

Estas persoas están atrapadas nunha cárcere mental onde as carcereiras son elas mesmas.

 

As persoas doentes desta síndrome teñen dous obxectivos principais: 

-       Dar sempre o mellor de si mesmos/as coste o que coste para intentar demostrar buscar os cumprimentos dos demais (o que vai producir un esgotamento mental e físico).

-       Evitar situacións que consideran ameazantes como falar con iguais ou superiores (isto provoca que esta persoa busque un posto discreto no seu traballo e non se atreva a seguir ascendendo, o que tamén levará á frustración).

 

A primeira vez que se lle deu nome a esta síndrome foi no ano 1978 por dúas psicólogas clínicas estadounidenses. Chamáronlle «Síndrome da impostora». Si, en feminino. Naquela época só se contabilizaban casos en mulleres, xa que se sentían moi inferiores aos seus homólogos masculinos debido ao contexto social da época. Contexto social que, ao meu parecer, non é tan diferente ao de hoxe en día. 


Tamén é importante saber que debemos facer se cremos que padecemos esta síndrome ou pensamos que podemos axudar a alguén que a padece:

 

1.    Aceptar calquera oportunidade que te leve a crecer profesionalmente e dar por seguro de que se cho ofrecen é por algo.

2.    Cando se paseen pola túa cabeza pensamentos negativos fala cos teus compañeiros e compañeiras de traballo ou con persoas próximas a ti; así poderás contrastar o que ti pensas co que pensan eles (que seguro que será máis obxectivo).

3.    Acepta os eloxios e cumprimentos que fagan ao teu traballo e á túa persoa, non te quites méritos.

4.    Podes intentar escribir nun caderno todos os teus logros e éxitos, deste xeito poderás lelos nos momentos nos que non esteas seguro de ti mesmo/a.

5.    O máis importante: coidar a saúde mental.

 

E non pensedes que isto lle afecta a persoas de a pé, con postos de traballo normais en empresas ou emprendedoras. A actiz Michelle Pfeiffer cuestionaba o seu propio éxito e dicía que a ían descubrir e que ía traballar de novo nun supermercado. Tamén Kate Winslet, que gañou un Oscar, tamén sofre esta síndrome. Mesmo Neil Armstrong  chegou a dicir: «non entendo por que hai tanto rebumbio se eu só fixen o que me encomendaron», malia ser o primeiro en pisar a lúa... 

 

Extrapolando estes feitos ao perfil de novo ou nova docente ou con pouca experiencia, poñerse por primeira vez diante dunha aula con 50 ollos mirándote fixamente non é doado, polo que é importante ter en conta o que acabas de ler. Como vai ser o teu primeiro ano dando aulas perfecto se non tes experiencia? Tampouco se trata de ser xenios, somos humanos, necesitamos tempo para adaptarnos, tempo para saber manexarnos en diferentes ámbitos, tempo para aprender. 

 

E ollo, que isto non só nos pasa aos «novatos» e «novatas», senón tamén a docentes con unha longa bagaxe profesional dando aulas cando se tiveron que incorporar á docencia online e que senten que non están preparados.

 

A modo de conclusión, coido que o mellor consello que se lle pode dar a unha persoa que padece esta síndrome e mesmo para ti mesmo/a como docente ou futuro ou futura docente, é o feito de asumir que non se ten por que chegar a ser perfecto en todo de inmediato nin ter sempre todo baixo control; necesitamos tempo para aprender. Como se acostuma a dicir, ninguén nace aprendido.

Déixovos por aquí un vídeo curtiño pero moi claro publicado en Instagram sobre esta síndrome:


Publicación de Sareur (@sareur) no seu perfil de Instagram.

 

Non sei se algún ou algunha de vós sentiu ou padeceu isto nalgún momento da vosa vida ou da vosa carreira profesional, pero déixovos que me digades!



REFERENCIAS: 

Quieres superar el Síndrome del Impostor. (2021, 4 agosto). [Vídeo]. YouTube. https://www.youtube.com/watch?v=eXV_nkH905g

 

El Síndrome del impostor. (2022b, septiembre 6). Altea Psicólogos. https://www.alteapsicologos.com/sindrome-del-impostor/

 

¿Sufres el síndrome del impostor como profesor online? Descúbrelo aquí con Estíbaliz Bilbao. (2021, 5 mayo). [Vídeo]. YouTube. https://www.youtube.com/watch?v=8Ijb54jVuVk


Síndrome del impostor. (2022, 21 noviembre). [Vídeo]. Instagram.https://www.instagram.com/reel/ClLoCn9DaSj/?igshid=MDJmNzVkMjY%3D 

 

Comentarios

  1. Ola, Pablo!
    Que curioso que o termo inicial fose en feminino; pero, como ben dis ti, eu tamén considero que este síndrome aínda o seguen a padecer máis mulleres que homes, debido ao sistema laboral no que aínda vivimos.
    En canto á súa orixe, eu considero que a infancia e o entorno adaptativo dun neno ou dunha nena é clave para analizar ao sufrir o síndrome do impostor/a.
    Eu non o lin, pero recomendáronme este libro que fala sobre este tema: El síndrome del impostor, de Sandi Mann.
    Moi interesante e necesaria esta entrada, Pablo :)

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares