POST DO TEMA 6

POST DO TEMA 6: AS PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS VIXENTES

Dosier

 

Durante a sesión do día 12 de decembro traballamos co Tema 6 titulado As programacións didácticas vixentes.


Para iso, en primeiro lugar fixemos de novo a actividade Think, write, pair and share sobre o que coñeciamos ou nos gustaría coñecer sobre aos exames das oposicións ao corpo de profesores de ensino secundario. Viñéronseme unha chea de dúbidas á cabeza, en especial sobre os méritos que se teñen en conta no concurso, pero vin que as miñas dúbidas non eran moi diferentes ás dos meus compañeiros e compañeiras.


A continuación vimos co profesor máis polo miúdo unha presentación sobre as oposicións ao corpo de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores de música e artes escénicas e profesores técnicos de formación profesional. Nesta presentación vimos detalladamente as partes das que se compoñen os exames, as puntuacións, os baremos, a forma de defender as diferentes probas... 


Tamén falamos sobre Anexo III onde se recollen todos os méritos que se teñen en conta no concurso o seu valor dentro da puntuación final dos procesos de selección para a provisión de prazas docentes de ensino secundario e ensinanzas de idiomas de réxime especial (EOI). E tamén unha proposta de baremos que fixo o profesor para os futuros procesos de selección. Persoalmente pareceume moi interesante coñecer e esmiuzar todos os criterios posto que axiña nos teremos que poñer a intentar sumar puntos.


Por último, falamos sobre os aspectos máis importantes dunha programación didáctica, xa que temos pendente para as vacacións de Nadal a redacción dun borrador dunha proposta de programación e de unidades didácticas en formato de oposición baixo a LOMLOE. Nesta Tarefa 2 volveremos a traballar todo o grupo nun documento de Drive compartido no que, en minigrupos, traballaremos nos diferentes elementos dunha programación para un grupo de 1º da ESO. O índice do traballo será o seguinte:


1-    Introdución

2-    Obxectivos e a súa contribución ao desenvolvemento das competencias

3-    Unidades didácticas

4-    Metodoloxía

5-    Avaliación

6-    Medidas de atención á diversidade

7-    Concreción de elementos transversais

8-    Actividades complementarias

9-    Práctica docente

 

Ao meu grupo e a min tocounos o apartado 5 sobre a avaliación, para o que teremos 3 subapartados:

5.1- Procedemento para a avaliación inicial

5.2- Criterio de cualificación con indicación do grao mínimo de consecución para a superación e criterios de recuperación

5.3- Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes.

 

Alén diso, tamén traballaremos de maneira individual no apartado 3 sobre unidades didácticas. Cada un de nós deberá crear unha unidade didáctica para 1º da ESO para a súa lingua de especialidade tendo en conta os elementos expostos no traballo grupal da programación.

 

En resumo, as actividades que realizamos parecéronme moi útiles para familiarizarnos co tema oposicións e programacións. Como xa dixen na entrada sobre o tema anterior, no que tamén traballamos en grupo, gustaríame moito destacar que é un método que axuda a que todo se faga máis dinámico e se fomentouse correctamente un traballo colaborativo, algo que considero beneficioso na sociedade e que debemos transmitir ao noso futuro alumnado.


 

Diario


Como xa dixen, durante a clases da materia de contexto na que tratamos o Tema 6, afondamos moito no campo das oposicións e das programacións. Ben é certo que houbo un momento na primeira actividade de Think, write, pair and share onde me dei conta de que para estar «preparándome» para as oposicións sabía ben pouco sobre elas, pero ao ir comentando cos compañeiros e compañeiras e con todo o que nos foi explicando o profesor quedoume todo bastante claro. Por iso considero que este tema é moi útil, pois permite coñecer como funciona todo ese mundo que de sinxelo ten ben pouco e do que en maior ou menor medida xa formamos parte. 


A verdade é que sobre as oposicións non coñecía moitas detalles sobre elas,sobre todo a as diferentes puntuacións, os baremos... Pero, desde logo, o que máis me sorprendeu é que o temario estea tan desactualizado. De feito, se non me engano, é do ano 1993 (preto de 30 anos, vaia). O que significa que non se teñen en conta as TIC. Outra das cousas que me amola é que unha parte  deste temario trata contido que nunca vou empregar nas aulas cos meus alumnos (xa que afonda bastante na literatura). Xa falamos na clase que pode que saia o novo temario pronto e xa teñamos que estudar por el, pero que aínda así, será de hai 10 anos e xa se considerará demodé. En fin, está claro que é necesaria unha boa revisión se se pretende formar a docentes que ensinen e guíen a alumnado do século XXI. En conclusión, coido que, tendo en conta o sistema de selección nas oposicións e o temario, é un proceso anticuado, incoherente, e tremendamente competitivo. Así a todo, é o proceso polo que teremos que pasar tarde ou cedo se queremos formar parte do corpo de profesorado. 

 

Para concluír, en primeiro lugar gustaríame dicir que, tendo en conta que este Mestrado está destinado á oposición, boto en falta falar máis dese tema. Por esa mesma razón, considero que Tema 6 sobre as Programacións didácticas vixentes me pareceu un tema interesante para poder orientarme mellor, comprender como funcionan os procesos de concurso-oposición e, en especial, saber como vou ser avaliado chegado o momento, algo que é moi importante para poder enfocar ben o meu traballo de preparación. Non sei o que o futuro ten preparado para min pero habémolo intentar!

Comentarios

  1. Ola Alejandro! Parecéronme moi interesantes as túas reflexións sobre o tema 6. A verdade é que non puiden acudir a esta sesión por motivos de saúde e ler o teu diario e dossier, xunto coas explicacións das persoas do meu grupo axudoume moito a facerme unha idea do que se tratou ese día na aula. Vaia, non tiña nin idea de que levasen desde o ano 93 sen actualizar. É totalmente incongruente que se non esixa no mestrado unha formación en innovación para tratala na aula e que nos exames oficiais non se contemple porque directamente o temario está feito e planificado nunha época na cal as TIC non tiñan o papel que teñen agora na sociedade e na educación

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares