O CASO DUN ESQUIMÓ, DUN ESPAÑOL E DUN TURCO

POST DO TEMA 3

Durante as sesións que dedicamos na clase a tratar o Tema 3, titulado Os niveis de referencia de aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento das competencias, saíu a seguinte pregunta: «pensamos diferente segundo a lingua na que falamos?». Sinceramente, eu coido que si, mais imos ver.




Pareceume unha cuestión moi complexa pero interesante, polo que decidín buscar información e escribir unha entrada sobre iso. Cando comecei a buscar ler cousas na rede apareceume por primeira vez a chamada Hipótese de Sapir-Whorf. Este hipótese estuda o relativismo lingüístico, que vén sendo a relación que se establece entre a lingua e o pensamento e a maneira na que se condicionan entre eles. O nome de Sapir-Whorf vén da unión dos apelidos do lingüista e antropólogo estadounidense Edward Sapir e o seu discípulo Benjamín Lee Whorf. Estes dous antropólogos ditaron que a lingua determina o xeito de pensamento e a nosa forma de vida.

 

Non era a primeira vez que escoitaba falar disto. Por exemplo, un feito que cando a escoitei por primeira vez me sorprendeu bastante é que os esquimós teñen moitas palabras diferentes para designar ao que nós simplemente coñecemos como neve. É dicir, eles diferencian moitos tipos de neve e teñen un termo para se referir a cada un deles. Evidentemente isto non é porque aos esquimós lles apetecese poñerse a nomear diferentes tipos de neve, senón porque conviven con neve continuamente, polo que son capaces de diferenciar moitos tipos. Porén, nós, como habitantes dunha zona sen tal cantidade de neve durante todo o ano, nin nos paramos a pensar cando neva se é un tipo ou outro.

 

Outro exemplo podería ser o caso dalgunhas tribos ou poboamentos que non fan referencias ao tempo na súa linguaxe, polo que teñen unha gran dificultade para medir espazos de tempo ou empregar unhas unidades de tempo determinadas. 

 

O caso é que esta teoría da relación entre a linguaxe a o pensamento formulada por Edward Sapir e Benjamin Whorf ten dúas vertentes diferentes que xorden a raíz das críticas, modificacións e reformulacións que se foron facendo co paso do tempo. Poderíase dicir que hai unha máis forte e unha máis débil: o determinismo lingüístico, por unha banda e o relativismo lingüístico pola outra.

 

En primeiro lugar, o determinismo lingüístico é o máis conservador históricamente falando, xa que é a versión primeira desta teoría. Defende que unha persoa cunha lingua materna na que non existe un concepto, nunca poderá entender ese concepto. Para exemplificar isto podemos empregar o que acabamos de falar sobre as tribos que non facían referencias ao tempo na súa linguaxe. O determinismo lingüístico diría aquí que eses individuos nunca serían capaces de diferenciar entre hai un mes, un ano ou onte pola noite.

 

A verdade é que a primeira vez que lin isto quedei un pouco abraiado porque, por exemplo, malia non ser eu esquimó nin asemellarme, coido que podería ser quen de distinguir diferentes tipos de neve. Efectivamente, seguinme informando e parece ser que hai unha gran cantidade de estudos que demostran que esta versión primeira ou de determinismo lingüístico de Sapir-Whorf non é correcta. Un exemplo que reforza o feito de que esta vertente non sexa correcta é que un poboamento de Papúa, en Nova Guinea, designa do mesmo xeito a cor vermella e a verde malia seren perfectamente capaces de diferencialas.

 

Por outra banda temos o relativismo lingüístico: unha versión máis moderna da versión primeira desta hipótese que se apoia no feito de que os exemplos utilizados pola outra vertente non eran válidos xa que non demostraban que a linguaxe determinase por completo o pensamento das persoas. Esta versión «actualizada» defende que a lingua pode influenciar e condicionar o contido ou os detalles aos que as persoas que a falan prestan atención e enfocan a forma na que ven e entenden o mundo. É dicir, non desbota a versión inicial senón que a relativiza avogando que a linguaxe non determina por si mesma o pensamento. Un exemplo que atopei na rede e que lle dá apoio a esta vertente relativista da hipótese é a diferencia da lingua española e outra moi diferente como pode ser o turco. Un falante español centrarase no tempo verbal que vai empregar no seu discurso, mentres que un falante turco daralle máis importancia ao suxeito que realiza esa acción.

 

Tamén entra en xogo algo tan arbitrario coma o xénero, xa que, por exemplo «ponte», en español é masculino, el puente, mentres que en alemán é feminino,  die Brücke. Isto provoca que históricamente se lle atribuísen características estereotípicas diferentes en cada lingua: expresións estereotípicas masculinas como fuerte como un puente en castelán e por outra banda expresións estereotípicas femininas en alemán como bonita como un puente. Outro exemplo cunha perspectiva semellante é o seguinte: en español, galego ou mesmo francés, para referirnos á idade dicimos teño 30 anos, coma se fosen tanxibles, coma se os acumulases nunha caixa; mentres que en inglés din: I am 30 years old, facendo máis referencia ao tempo que levas vivido.

 

Entón, reformulando a pregunta do principio: pensamos diferente segundo a lingua na que falamos? 

 

Déixovos que me escribades a vosa opinión nos comentarios, pero eu considero que si existe un relativismo lingüístico e que a linguaxe condiciona dalgún xeito a perspectiva que temos da realidade. Ao fin e ao cabo, o mundo é moi grande e os idiomas evolucionan baixo contextos moi diferentes, polo que é normal que unha mesma realidade se poida concibir e describir de diferentes maneiras.



Referencias

 

Centro Virtual Cervantes (s. d.). CVC. Diccionario de términos clave de ELE. Relativismo lingüístico. Instituto Cervantes. Recuperado 30 de novembro de 2021, de https://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/diccio_ele/diccionario/relativismolinguistico.htm


Parra, M. (1988). La hipótesis sapir-whorf. Forma y función, (3), 9-16. https://revistas.unal.edu.co/index.php/formayfuncion/article/view/29488/29695


¿Qué tan diferente vemos el mundo según el idioma que hablamos? (2020). BBC News Mundo. Recuperado 30 de novembro de 2021, de 
https://www.bbc.com/mundo/noticias-51773745

Comentarios

  1. Ola Pablo, pareceume moi interesante a túa entrada e aprendín moito sobre termos como relativismo lingüístico ou determinismo lingüístico. Eu opino que a lingua que utilizamos non condiciona como pensamos ou como percibimos a realidade, senón que a nosa lingua é unha consecuencia da nosa contorna. Por exemplo, en Galicia é posible que, como chove moito, cando vemos choiva pensemos en poalla, borralla, chuvisca, chuvieira, treboada, escampar, brétema... Nós somos conscientes de todos eses matices polo que os podemos distinguir cando os vemos e, en consecuencia, o galego ten moitos sinónimos para choiva. Si ben isto é certo tamén opino que é imposible que o noso uso da lingua non condicione o noso pensamento.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares