O MCER e a mediación
O MCER e a mediación
Moi boas!
Durante as aulas nas que tratamos o Tema 2 falamos sobre o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, nas súas siglas MCER. Tratamos os seus obxectivos, os métodos que se empregan e os diferentes niveis de referencia.
A verdade é que pensei que o coñecía, pero en realidade o único que coñecía deste Marco era o nome e os diferentes niveis, non porque coñecese exactamente en que consistían, senón de facer os exames para os certificados de nivel da Alliance Française e na Escola Oficial de Idiomas (EOI)
Pois ben, o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas é un marco de referencia internacional deseñado aló pola década dos 70 cando o Consello Europeo comezou a traballar coas políticas lingüísticas e o ensino das linguas. O seu obxectivo era unificar as indicacións para o proceso de ensinanza das linguas estranxeiras na Unión Europea, mellorar as calidade da avaliación e definir o grao de dominio dunha lingua ou o nivel de competencia lingüística que adquiriu unha persoa.
Como seguro que xa sabedes, hai diferentes niveis estruturados en tres grupos de niveis recoñecidos internacionalmente:
- A1 e A2 como niveis básicos
- B1 e B2 os niveis intermedios ou independentes
- C1 e C2 os niveis avanzados
Ademais, tamén existe o Pre-A1 «starters», pero non case non se fala del, pois é o primeiro dos tres exames de nivel básico e está deseñado máis ben para os máis cativos.
Aquí tedes unha imaxe que explica de maneira mais visual os niveles do Marco:
Como se analizan e deseñan as actividades para clasificar o nivel de competencia lingüística dunha persoa nunha lingua determinada? Todas e todos o vivimos nas aulas de lingua estranxeira desde a educación primaria: os famosos listening, reading, speaking e writing, ou o que vén sendo o mesmo, comprensión oral, comprensión escrita, produción oral e produción escrita. Agora a través dunha nova reforma do Consello Europeo, a estas catro destrezas súmaselle a mediación. Que é a mediación? Sona algo raro e, cando mo explicaron por primeira vez quedei un tanto amolado porque esas actividades encadraríaas dentro dalgunha das outras destrezas, pero non é así.
Vouvos expoñer diferentes exemplos prácticos pero digamos que a mediación é partir dunha unha fonte orixinal e o que se debe facer é explicala coas nosas propias palabras. Esta fonte orixinal pode ser oral ou escrita
Se o analizamos ben, parece ser que no noso día a día estamos rodeados de mediación sen sermos conscientes .
- Un exemplo rápido e claro sería o momento no que ao noso avó ou avoa lles chega unha carta do hospital ou da Seguridade Social, non entenden exactamente de que se s trata e nola manda ler para explicárllela. Dese xeito, nós lemos o contido e trasladámoslles o que acabamos de ler pero explicado coas nosas propias palabras e asegurándonos de que comprenden.
- Outro exemplo: recibimos en Vigo a un amigo do estranxeiro ou, simplemente de fóra de Galicia e imos a un restaurante. A gastronomía é diferente e explicámoslles a carta do restaurante. Ese tamén sería un claro exemplo de mediación
E isto non sería soamente para os alumnos que están aprendendo unha lingua estranxeira, senón que os docentes tamén facemos unha sorte de mediación na aula. O que facemos é trasladar unha parte dos nosos coñecementos ao noso alumnado. Non nos limitamos simplemente a traducir o contido senón que o resumimos ou adaptamos ao nosos alumnado.
Aquí chegan as dúbidas. Como se realizan estas probas ou actividades? Pódese facer soamente de xeito oral ou tamén se pode facer de forma escrita? Isto pode variar, pero si que se deben seguir unha serie de pautas:
En todas as probas debe haber dúas actividades distintas:
- Primeira actividade: o material que se lle proporciona ao alumando será un texto. O alumnado lerá un texto e escollerá se quere facer a mediación de xeito oral ou escrito. O resultado disto sería, no caso de facelo de xeito oral como unha mensaxe de audio a un destinatario determinado e no caso de facelo escrito podería ser un mail ou algo semellante como unha mensaxe de texto.
- Segunda actividade: o material será unha imaxe (unha táboa, un gráfico, unha infografía informativa sobre un tema determinado...). Nesta actividade, o alumnado terá que analizar esa imaxe e explicala coas súas palabras facendo que o destinatario entenda o que se explica.
En conclusión, estas actividades de mediación requiran que o alumnado teña unha madurez que lles permita transformar a información do material que se lles dá parafrasear esa información empregando o seu propio vocabulario, sen traducir literalmente todo. Remitíndome ao que comentei antes, coido que estas actividades ás veces se poderían confundir con un speaking ou un writing.
Déixovos que me digades o que opinades sobre isto nos comentarios!
Referencias:
Marco común de referencia para las lenguas - educaweb.com. (s. f.). https://www.educaweb.com/contenidos/educativos/aprender-idiomas/marco-comun-europeo-referencia-lenguas/
NADAL, LAURA, & THOME, SARAH. (2021). Mediación y aprendizaje de lenguas en contextos de no inmersión: un análisis experimental. RLA. Revista de lingüística teórica y aplicada, 59(2), 111-132. https://www.scielo.cl/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0718-48832021000200111
Parlamento Europeo (2013). La aplicación del Marco Común Europeo de Referencia para las lenguas en los sistemas educativos europeos. Departamento Temático B: Políticas Estructurales y de Cohesión. https://www.europarl.europa.eu/RegData/etudes/etudes/2013/495871/IPOL-CULT_ET(2013)495871(SUM01)_ES.pdf
Comentarios
Publicar un comentario