Didáctica Tema 11
TEMA 11: A avaliación na aula de linguas estranxeiras
Salut !
Nesta nova entrada vou tratar as actividades que realizamos durante as sesións do Tema 11 da materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, titulado A avaliación na aula de linguas estranxeiras que, como é doado de deducir polo seu nome, falamos sobre o feito de avaliar, como, cando, por que e para que. Así pois, traballamos cos tres tipos de avaliación (inicial, formativa e final) e co uso de descritores neste proceso: as rúbricas. Grazas as estas sesións e as actividades que realizamos nelas, puidemos afondar e reflexionar sobre os tres tipos de avaliación, crear rúbricas claras e efectivas para determinadas actividades e por último reflexionar sobre o rol da avaliación no proceso de ensino-aprendizaxe.
Na primeira sesión dedicada a este Tema 11 falamos sobre o uso das rúbricas e sobre a importancia de empregalas ben. A verdade é que non só durante o mestrado, senón xa ao longo da carreira me avaliaran con rúbricas frecuentemente, pero nunca me parara a reflexionar sobre estas e moito menos creara unha. O que debiamos facer desta vez era crear unha rúbrica para avaliar a actividade de mediación que creamos no Tema 3. O meu grupo e máis eu xa esbozaramos unha rúbrica para avaliar esta actividade, mais evidentemente tivemos que completar e pulir, pulir e volver a pulir os criterios e os indicadores. Crear unha rúbrica é moito máis complicado do que parece e hai que ter en conta moitos aspectos como non poñer «á perfección», «de xeito adecuado», e un longo etc. de palabras ou expresións que parecen unha boa idea para unha rúbrica pero que en realidade non o son. O feito é que para conseguir unha boa rúbrica debemos redactar os indicadores da maneira máis concisa posible e mesmo incluír exemplos xa que canto máis precisa sexa máis doado será guiarse eficazmente e ser xustos á hora de avaliar o traballo do noso alumnado. Ademais, o alumnado ao lela saberá exactamente como vai ser avaliado e desta maneira facemos que sexan conscientes do proceso de aprendizaxe.
Despois de, como xa vos dixen, moito pulir a nosa rúbrica grazas aos comentarios que nos ía facendo Cristina, a nosa rúbrica é esta:
Hai unha chea de rúbricas que podemos atopar na rede para diferentes niveis, pero coido que é máis conveniente crear persoalmente unha boa rúbrica para empregar co noso alumnado (se creamos unha ben e completa, logo podémola modificar para empregar noutra situación).
Na seguinte sesión comezamos falando sobre a avaliación como unha recollida sistemática de datos para tomar decisións dentro do proceso de ensino-aprendizaxe. Estivemos debatendo durante un anaco sobre algunhas decisións que como docente poderiamos tomar grazas a unha avaliación (material de reforzo a nivel colectivo ou individual, modificacións curriculares, entre moitas outras) e a continuación repasamos un a un os tres tipos de avaliación: inicial, formativa e final ou sumativa. Falamos sobre as características de cada unha delas e sobre os instrumentos que podemos empregar. Dentro disto, no que máis nos centramos foi na avaliación formativa e no feedback como o instrumento máis recomendado para realizar este tipo de avaliación (xa sexa por escrito, falando co alumnado, realizando reunións, etc.). Após de falalo na clase, chegamos á conclusión de que é moi importante darlles feedback ao alumnado para que sexan conscientes do que deben melloar (un simple número non vai facer que o alumnado saiba cales foron os seus fallos).
A continuación debatemos sobre as vantaxes e desvantaxes da autoavaliación e da coavaliación. No meu caso (e polo que vin non era o único), non son capaz de ser o suficientemente obxectivo co meu traballo para poder avalialo axeitadamente. Porén, a coavaliación é un método que me gusta moito e que non empregara ata hai nada nunha materia anterior; coido que, sempre que se establezan os puntos que se deben ter en conta á hora de avaliar, é moi interesante para traballar co alumnado. Ademais, tal e como explica unha profesora da Universidade de Salamanca nesta publicación, outra das vantaxes deste método de avaliación é a posibilidade de aprender todos dos erros de todos.
Xa para rematar, retomamos a actividade de mediación que creamos no Tema 3 e para a que máis tarde creamos a rúbrica de avaliación da que falamos unhas liñas máis arriba. O que debiamos facer agora era responder unhas preguntas sobre como levariamos a cabo unha avaliación formativa con esta actividade de mediación. Deste xeito aplicamos de novo o que acabamos de aprender nunha actividade creada anteriormente. Aquí vos deixo os nosos resultados:
Deseñar avaliación formativa para a actividade de mediación creada, tendo en conta:
- Como imos aclarar, compartir e comprender as intencións da aprendizaxe e os criterios de avaliación?
Para asegurarnos de que o alumnado saiba o que esperamos, amosarémoslle a rúbrica antes da realización da actividade. Desta maneira o alumnado estará informado do obxectivo da actividade.
- Como imos obter evidencia de que a aprendizaxe está a ter lugar?
Como persoal docente poderemos evidenciar a aprendizaxe a través da observación na aula Tamén se podería realizar unha actividade do mesmo tipo máis adiante e despois medila coa mesma rúbrica para comparar o progreso do alumnado.
- De que forma imos proporcionar feedback?
Para avaliar esta actividade creamos unha rúbrica. Polo tanto, levaremos a cabo unha reunión con cada grupo de traballo. Para aforrar tempo, reunirémonos con cada grupo mentres o alumnado fai traballo autónomo. Deste xeito, explicaremos a nosa decisión en canto a cada apartado da rúbrica.
- Como imos aproveitar a coavaliación como axuda para a aprendizaxe?
Aproveitaremos a coavaliación para potenciar o espíritu crítico do alumnado partindo da concepción do erro como parte da aprendizaxe. Todos poden aprender dos erros dos outros.
- Como imos facer que cada alumno sexa responsable da súa aprendizaxe?
Cada persona será consciente da súa propia aprendizaxe ao observar que o obxectivo da actividade se cumpre e que entre todos e todas as persoas do grupo se se filtra correctamente a información poderase conseguir a fin comunicativa requerida no anunciado da actividade.
Gustoume moito retomar sempre a primeira actividade que creamos xa que nos permite ter unha visión moito máis realista da situación de aprendizaxe. Aproveitamos a actividade de mediación do Tema 3 para aplicar os novos coñecementos que adquirimos no Tema 11, polo que se fixo moi ameno e nos permitiu ver a versatilidade das actividades e o enlazado que pode chegar a estar a creación de actividades coa posterior avaliación.
A modo de conclusión, coido que con este tema puiden entender de xeito doado e con bastante claridade o proceso de avaliación: o emprego e creación das rúbricas que, como xa vos comentei, nunca antes as usara nin as creara. Alén diso, gustoume moito a maneira que tivo a profesora de enlazar as actividades unhas con outras. Tamén valorei moito os debates que nos levaron á reflexión sobre todas as vantaxes e desvantaxes dos diferentes tipos de avaliación e a súa repercusión no alumnado.
Até a próxima!
Ola, Pablo:
ResponderEliminarA túa entrada é moi completa, noraboa! Pareceume moi interesante e completa a publicación de Celia Martín, xa que a autoavaliación quedoume máis clara que a coavaliación, polo que me serviu para afianzar o que fixemos en clase.
Estou de acodo contigo na dificultade de elaborar rúbricas. Parece sinxelo pero hai moitos pequenos matices que hai que coidar, como é o vocabulario. Non somos conscientes da importancia que ten o uso dun matiz e o impacto que pode ter no noso alumnado, polo que a creación da rúbrica gustoume moito para reflexionar sobre iso e sobre a importancia de ser moi claro co alumnado con respecto ao que se espera deles. Tamén comparto a túa opinión de que é mellor facer a nosa propia rúbrica, xa que así adaptarémonos á perfección a nosa tarefa e, ademais, podémola reutilizar para máis actividades.
Saudiña
Ola, Pablo :)
ResponderEliminarPenso igual ca ti! Considero que este tema é moi importante; tanto o persoal docente coma o alumnado debe ser consciente da corrección e da valoración.
Outro punto que me gustaría comentar, igual que ti o fixeches, é a importancia das rúbricas. Ata que traballamos este tema, eu tampouco era consciente da súa complexidade mais da súa importancia. Creo que é un método no que o alumnado pode chegar a ser moi consciente de como van ser valorados.
Un saúdiño!
Ola, Pablo! Gustoume moito a túa entrada, está moi completa e ben explicada. Estou totalmente de acordo contigo, empregar sempre a mesma actividade de referencia para as demais foi moi útil, pois permitiunos “reciclar” o traballo que xa fixeramos e enlazar todas as actividades para concluír na súa avaliación.
ResponderEliminarEn canto ao que mencionas sobre a autoavaliación, dicirche que a min ocórreme o mesmo, nos son quen de avaliarme de xeito obxectivo polo que, coma ti, prefiro empregar a coavaliación, xa que me parece un instrumento moi eficaz para aprender dos meus erros e dos do resto. O que si, penso que as actividades de coavaliación deben estar moi ben estruturadas e supervisadas polo profesorado para que ninguén se sinta de menos ou se rían del, polo que deberiamos ter coidado á hora de empregalas no futuro.
Grazas pola túa entrada
Saudiña!