Didáctica Tema 3

TEMA 3: Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula. Procedementos para o fomento das habilidades comunicativas na aprendizaxe de linguas estranxeiras




Ola! Con esta entrada dou inicio ao novo ano e a esta nova materia, concretamente no Tema 3, titulado Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula. Procedementos para o fomento das habilidades comunicativas na aprendizaxe de linguas estranxeiras.  

Durante a primeira sesión deste tema tratamos as actividades de mediación lingüística. Comezamos materia debatendo entre nós os seguintes contidos: mediación, plurilingüismo, enfoque orientado á acción e co-construción do significado (a mediación, o plurilingüismo e o enfoque orientado á acción xa as viramos en asignaturas anteriores do mestado, pero a co-construción nunca antes escoitara falar dela). A continuación tivemos un pouco de introdución teórica sobre a mediación no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, aínda que non nos descarrilamos moito ao definir estes últimos conceptos ao comezar a clase. Após, centrámonos en coñecer as características das actividades de mediación, algo ao que non estamos tan habituados como deberiamos xa que nos costaba comprender de que se trataba exactamente (aínda que ben é certo que na anterior materia de Contexto si que falamos do MCER e fixemos bastante fincapé neste «novo» concepto de mediación nas actividades de lingua). A verdade é que non sabía que existisen tantos tipos de mediación e pareceume bastante interesante, polo que me puxen a rebuscar un pouco pola rede e atopei este documento no que aparecen diferentes actividades de mediación e algunha que outra rúbrica de avaliación interesante (spoiler do tema 11) que coido vos vai gustar.

 

Para levar á práctica esa pequena introdución teórica a profesora Cristina ensinounos unhas cantas actividades de mediación reais que se empregaron na Escola Oficial de Idiomas. Por grupos, o que debiamos facer era analizalas e avalialas. Así, debiamos indicar o tipo de mediación (verbal, visual e multimodal ou cultural), o nivel ao que iría dirixido, as competencias e estratexias que se traballan e por último, os obxectivos. Cada grupo tivo uns minutos para analizar unha actividade diferente e máis tarde fixemos unha posta en común das conclusións ás que chegamos. O que máis me chamou á atención foi que soubemos situar as diferentes actividades nos niveis de lingua correspondentes (iso ao principio non o tiña moi claro). Outro aspecto que recalcamos foi que todas as actividades que deseñemos teñen que ter un propósito claro e un obxectivo concreto para que as actividades teñan utilidade e acción na aula e sexan significativas para a aprendizaxe do alumnado.

 

Coido que este exercicio nos axudou a ter unha primeira toma de contacto «real» coas actividades de mediación e tamén a identificar e situar o nivel para o que están deseñadas.

 

Na segunda sesión e tamén por grupos, creamos unha actividade de mediación seguindo o exemplo da actividade que analizamos na primeira sesión. O meu grupo e máis eu decidimos crear unha actividade de mediación á que chamamos Au resto, au Comptoir. Esta actividade está dirixida a un nivel B1 de lingua francesa durante unha sesión duns 50 minutos. Trátase dunha actividade de mediación verbal lingüístico-textual na que o alumnado debe reformular un texto escrito (unha carta real dun restaurante); é dicir, pasar de código escrito a oral. O alumnado traballará en grupos, pero tratará o texto de maneira individual, xa que se repartirían diferentes indicacións para que cada persoa traballe o texto de xeito diferente. Eliximos esta actividade co obxectivo de fomentar a aprendizaxe significativa nun contexto real onde se emprega a lingua estranxeira: nun restaurante. Consideramos que é moi importante potenciar a lingua estranxeira en situacións cotiás como pode ser esta, para así facer fronte a todas adversidades lingüísticas que poidan xurdir. Velaquí o desenvolvimiento da nosa actividade xunto co menú de referencia que escollemos:


Nome da actividade: Au resto: Au Comptoir


Temporalización (en que momento se usa, canto dura): Esta actividade podería realizarse durante unha sesión de 50 minutos. O alumnado conta cun tempo de 15 minutos aproximado para a preparación e no resto de tempo de clase faranse as presentacións da actividade.


Obxectivos da actividade: B1 - Selecciona e transmite información específica e relevante de folletos, instrucións, cartas, etc.


Como se desenvolve a actividade: É unha actividade de mediación verbal lingüístico-textual. O alumnado terá que reformular un texto escrito (unha carta dun restaurante); é dicir, pasar de código escrito a oral. Relaciónase co obxectivo de mediación xeral do nivel B1: Selecciona e transmite información específica e relevante de folletos, instrucións, cartas, etc, relativo á transmisión de información específica. 

Esta actividade realizarase na aula de segunda lingua estranxeira (francés) en 1º de bacharelato. Traballarán en grupos pero tratarán o texto de maneira individual, xa que se repartirían diferentes menús para contar con exemplos distintos. 

Indicacións:

En grupos de 4 setados ao redor dunha mesa.

Explícalle esta carta á persoa que tes á túa dereita tendo en conta:

1. A persoa da túa dereita…
    - é alérxica ao pescado
    - non lle gusta a pasta
    - ten ganas de probar unha especialidade francesa 
2. A persoa da túa dereita…
    - é vexetariana
    - non lle gusta a carne de porco
    - quere probar unha especialidade da casa
3. A persoa da túa dereita…
    - é intolerante á lactosa
    - adora a carne
    - non lle gusta a ensalada
4. A persoa da túa dereita…
    - é celíaca
    - gústalle o polo
    - come pouquiño


Como se agrupan os alumnos: 

En grupos de 4 pero preparan o texto de maneira individual.


Materiais da actividade: Contamos un menú real (texto escrito) en formato papel e posibilidade de acceder á rede para documentarse.


Avaliación da actividade: 

CRITERIOS


Criterio de avaliación

Resumir ou parafrasear un texto para facelo intelixible a quen necesita esta mediación por descoñecemento ou coñecemento insuficiente da lingua meta.


O alumnado realiza actividades de mediación lingüística (reformula o sentido dun texto, oral ou escrito para facelo comprensible a persoas interlocutoras que descoñecen a lingua en que se produce, escribe o resumo dun debate oral ou un artigo lido noutra lingua, fai unha exposición oral a partir de notas, cambia de modalidade semiótica, como do texto ao esquema, etc.).


Rúbrica: grábanse todas no teléfono, mándanse e despois o docente as avalía.  



A verdade é que me gustou moito crear esta actividade malia que ao principio pensei que nos ía resultar máis complicado, pero finalmente creo que acadamos un resultado bastante bo e tivemos un feedback positivo por parte da profesora. Esta actividade fixémola nun documento compartido entre toda a clase e a profesora, para así poder compartir o traballo con todas as persoas do grupo. Ademais, a medida que iamos realizando as actividades a profesora ía poñendo comentarios para orientarnos mellor. 

 

A continuación, e xa na última parte da segunda sesión deste tema 3, comezamos a falar das actividades de compresión, dos seus obxectivos e do que debemos ter en conta para crealas. Desta vez, no meu grupo creamos unha actividade de comprensión de nivel B2 para unha aula de español como lingua estranxeira. O obxectivo da nosa actividade é potenciar a comprensión oral e escrita e fomentar elementos transversais na aula coma a igualdade de xénero no deporte, xa que a actividade trata de visualizar un vídeo onde a protagonista, Alexia Putellas predica o discurso tras recibir o Balón de Ouro. Isto será unha boa maneira para iniciar o alumnado no tema e evitar comezar de golpe no texto. Após de visualizar o vídeo do discurso, comentarase o léxico importante ou que non se comprendeu. Ademais tamén se poderá contar coa súa opinión do vídeo. A partir dese momento procederase a ler o texto e responder ás preguntas escritas sobre este.


Por último e xa na terceira e última sesión deste Tema 3, pasamos ás actividades de expresión e interacción. Para simular a creación dunha actividade deste tipo volvemos a repartirnos en grupos e repartíronse entre a clase tres indicacións diferentes: escribir unha reseña, narrar unha experiencia ou escribir un correo electrónico. Ao meu grupo a indicación de narrar unha experiencia. Ao mesmo tempo, tiñamos que ter en conta as características das tarefas comunicativas: propósito, autenticidade, integración e público; polo decidimos crear unha actividade de expresión que retomara dalgún xeito o tema doutra actividade que xa crearamos: a de mediación no restaurante. Desta vez o alumnado tería que narrar unha tradición culinaria da súa familia, o porqué, cando o fan, quen...

 

Gustoume moito crear todas estas actividades xa que me fixeron reflexionar sobre a importancia de poñer en práctica actividades auténticas e non só as actividades que aparecen nos libros de texto, xa que carecen de contidos reais e situacións da vida real que chamen a atención do alumnado e poden incluso estar desactualizadas. 


Xa para concluír, gustaríame dicir que este tema pareceume un dos máis interesantes e útiles de todo o mestrado, xa que grazas a deseñar nas aulas desta materia as nosas propias actividades de mediación puiden aclarar e consolidar por fin a mediación, iso que ata hai unhas semanas era tan allea a min. Alén diso, aprendín a deseñar todo tipo de actividades para realizar co alumnado, como as de produción e comprensión.


Até a próxima!

Comentarios

Entradas populares